Friday 29 de March de 2024

O Concello completa a rehabilitación do labirinto do monte de San Pedro, que reabriu hoxe ao público tras a renovación integral de arbustos e pavimento


O Goberno de Inés Rey recupera así outro espazo emblemático da cidade, coa disposición de novas sebes perennifolias máis resistentes aos ventos costeiros e á salinidade, adaptadas a terreos de formación rochosa

O Concello da Coruña reabriu esta mañá o labirinto do monte de San Pedro, xa restaurado tras case catro anos de peche, ao verse afectado no 2019 por unha praga de fungos que obrigou a replantar toda a superficie de arbustos no recinto.

“Ë un dos elementos de identidade do parque municipal do monte de San Pedro”, destacou a alcaldesa, Inés Rey, que anunciou hoxe a reapertura. Os traballos, executados polo persoal da Área de Medio Ambiente, implicaron a renovación completa do circuíto do labirinto vexetal, de inspiración inglesa. A praga que afectou aos arbustos orixinais esixiu a súa extracción e a posterior plantación de novos exemplares.

Desta forma, e tras avanzar os prazos de crecemento dos novos arbustos, que midenactualmente 1,65 metros, o labirinto, dunha superficie de 2.000 metros cadrados, volve estar habilitado tal e como se concibiu, como un espazo público de ocio en estado natural.

Os novos arbustos, máis resistentes ás pragas e ao salitre, pola proximidade do mar

O labirinto do Monte de San Pedro inaugurouse o 5 de xuño do ano 2002, coa ampliación do parque municipal. Entón, dispúxose unha especie vexetal importada de Italia, a Eleagnus x ebbingei limelight, un arbusto perennifolio caracterizado pola súa resistencia en zonas de forte influencia marítima, sometidas a ventos salinos.

Porén, o paso do tempo, así como a aparición de continuas pragas de fungos e enfermidades que afectaron aos arbustos do labirinto, minguaron a resistencia dos setos, afectados tamén pola proximidade do mar e o salitre. Ademais, a normativa de aplicación de produtos fitosanitarios vixente desde o ano 2012 restrinxiu o uso destes para a aplicación de posibles tratamentos. Por este motivo, na primavera de 2020, a Área de Medio Ambiente iniciou os traballos de renovación integral do labirinto vexetal, onde se plantaron novos exemplares da especie Metrosideros excelsa Soland, un arbusto de folla perenne, con moita capacidade para resistir os ventos costeiros e a salinidade. Destaca, ademais, a súa facilidade para establecerse en terreos rochosos —como é o caso da parcela na que seatopa o labirinto, situada sobre un afloramento de rocha—, polo seu potente sistema radicular.

Neste sentido, os exemplares de Metrosideros excelsa Soland que se plantaron no labirinto vexetal de San Pedro son similares aos existentes no Paseo Marítimo, na contorna do Aquarium Finisterrae.

Un novo pavimento para o labirinto de San Pedro

Por outra banda, Medio Ambiente dispuxo no labirinto un novo pavimento ecolóxico de terrizo continuo, idóneo para parques e xardíns históricos, pola boa integración da súa textura natural no conxunto da paisaxe.

Este pavimento, cun alto grao de resistencia para a estabilización da superficie, está composto, principalmente, por calcín de vidro —vidro reciclado—, reactivos e áridos.
A recuperación progresiva do parque municipal do monte de San Pedro Inés Rey recalcou esta mañá “o compromiso do Goberno municipal coa posta en valor do parque municipal do monte de San Pedro, un dos espazos verdes máis emblemáticos da Coruña e dos máis apreciados pola cidadanía”. A alcaldesa subliñou, a este respecto, “os traballos de continuidade desenvoltos desde o Concello”.

A este respecto, o Concello rematou en agosto do ano pasado a restauración dun dos canóns do monte de San Pedro. Ademais, tamén o pasado verán, completáronse os traballos de recuperación dos aseos públicos e a maquinaria bélica exposta no exterior do parque. Ademais, reabriu ao público tamén o centro de interpretación dos cañóns, unha sala na que se poden visitar pezas históricas vencelladas ao pasado do parque como espazo de uso militar e á que se pode acceder de 10.00 a 14.00 horas os sábados, domingos e festivos.